Portada
|
O proxecto
O nome, que comezou sendo unha brincadeira dos amigos, rematou por ficar así. Na súa elaboración, son moitas as dúbidas que xorden segundo as fontes consultadas. Algunhas resolvinas, outras seguro que non e algúns erros tamén cometería. Hai que ter en conta ademais que cando comecei co traballo non existía internet e non había a capacidade de consulta que agora hai. Todo era a base de libros. Porén, agardo que sexa de utilidade para quen o necesite. A placa está botada, calquera pode seguir poñendo chanzos, velaí o formato wiki comunal que se nutre coas vosas achegas. Agardo que polo menos axude a reforzar o coñecemento e intercambio de ideas e influencias entre os distintos pobos e culturas que configuran a Península Ibérica. E se este diálogo se proxecta máis alá dos Pireneos e do Atlántico moito mellor. O traballo ficaría nunha gabeta se non fose polo afán, traballo e colaboración dalgúns amigos como. Francisco Becerra, Tono Barros, Laura Goldar, Luís Losada e Javier Prado, que correron co traballo informático. Teño que lembrar tamén a Suso Otero e a Fran Pérez “Narf”, que de non marcharen tan cedo participarían tamén dalgún xeito na elaboración do traballo. Aquí conto de que vai e como comezou todo Xulio Simón Combarro 2020
|
Basilio Losada
Aos 90 anos ver esa inmensa cantidade de datos en relación uns cos outros, como un tecido formado por tantas vidas dedicadas ao estudo e á creación, é unha marabilla para os que vimos perdendo a memoria. Xulio Simón fixo un traballo que cubre moitos dos anos da miña vida que eu perdera neste longo camiño. Nestas follas lembrei nomes de amigos perdidos, cáseque todos; para min é reconstruír datos, xeitos, memorias. Interésame especialmente o que recolleu neste traballo memorable e por tal dedicado á memoria. A miña gratitude. Un aspecto fundamental deste traballo: a relación entre a cultura catalá e a cultura galega, tan necesaria sempre, tan necesitada de un entendemento común e dun traballo e un esforzo tamén común. Repaso nomes que contribuíron á miña formación e tamén aspectos e campos polos que eu fixen o que puiden. Que non cheguemos a sentir a literatura catalá ou vasca ou de Castela e o resto das Españas como algo alleo a nós, que poidamos así, sobre a lembranza, restaurar o que a memoria xa non salvaba dun esforzo común. Resumindo, a miña inmensa gratitude para quen puxo tantos anos de esforzo, tanta paciencia e ansias de coñecemento neste proxecto que se ofrece como un servizo para soster a memoria da comunidade e tamén para abrir portas á curiosidade cara outras culturas que nos acompañan e nos enriquecen. Basilio Losada Barcelona, 20 de novembro de 2019 |
Anos / Palmarés / Repositorio web / XPD nos medios
A partir do ano 2005 os anos levan no nome da páxina a letra p, quere dicir que desde esa data o ano está resumido ao palmarés dos premios literarios dese ano.
O Repositorio web tenta recoller o espírito da XPD na actualidade, está dividido nas seguintes seccións: Revistas / Publicacións – Arquivos – Bibliotecas – Exposicións - Centros documentación / Bases de datos – Epistolarios - Outras webs
Contacto:'info@xulipedia.com'
|