XPD nos medios
Índice
XPD nos medios
Publicacións
lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2023/06/30 por Xesús Alonso Montero
Hai moito tempo que coñezo a Xulio Simón Rúa, das terras luguesas próximas a Ribeira de Piquín, berce do grande e infortunado lingüista Aníbal Otero, dende que foi alumno meu, no Instituto de Lugo (curso 1971-1972). Simón foi mestre de ensino primario, durante moitos anos, en Barcelona, pero, devoto dos saberes filolóxicos, cursou na universidade Filoloxía Galaico-Portuguesa onde se atopou coa erudición e a paixón do profesor Basilio Losada. Hai décadas que Simón vén dedicando o seu minucioso saber, o seu fondo compromiso e a súa inmensa paciencia á construción dunha ferramenta cultural tan ambiciosa como útil e moi didáctica.
Desde hai anos ten á súa beira a Luis Losada Rodríguez, experto en informática, amigo e cómplice da inxente obra. Do que se trata é dunha páxina wiki que funciona igualiño que a Wikipedia e no mesmo formato. No esencial, a temática é a literatura galega moderna desde 1851 (nacemento de Curros Enríquez) ao 2004 (pasamento de Manuel María e Luísa Villalta). O usuario pode transitar do nome dun autor ou dunha das súas obras a un universo de noticias significativas (premios, referencias en epistolarios, comentarios en revistas e xornais, traducións, ilustradores...). A Xulipedia é especialmente valiosa nas noticias que relacionan as obras literarias galegas con autores cataláns. Non subestima o autor as relacións coas letras castelás de aquén e alén mar, non esquece os contactos cos escritores de Euskadi e ten moi presentes os nomes dos viaxeiros, filólogos e escritores portugueses. Asombran as consultas que fixo con lupa, á procura deste tipo de textos e noticias, en non poucas revistas galegas e foráneas e, sobre todo, de epistolarios ateigados de información ad hoc (Luís Seoane, Ramón Piñeiro... ata a breve correspondencia de Xela Arias co novelista brasileiro Jorge Amado). O autor, moi consciente de que as letras en idioma galego constitúen unha parcela da literatura universal, ofrece pistas para relacionar os nosos autores e os seus textos, cronoloxicamente, con feitos e personalidades literarias de moitas outras áreas lingüísticas non hispanas.
Radio Galega : Galicia por Diante Fin de Semana -Séculos de cultura galega recollidos na Xulipedia - 03/06/2023 - Isabel Pichel
Hai máis de 20 anos Xulio Simón Rúa comezou a anotar datos relacionados coa cultura e a literatura galegas. Aqueles apuntamentos medraron ata o punto de ocupar máis de 2.000 páxinas e varios séculos de historia. Agora este proxecto atopou un novo camiño en Internet en xulipedia.com.