Portada

De Xulipedia
Revisión feita o 8 de xullo de 2020 ás 21:18 por Falkirk (Conversa | contribucións)
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Un proxecto de Xulio Simón ao que podes colaborar coas túas achegas.
xoves, 14 de novembro de 2024
[Versión para móbiles]




Presentación


Trátase dunha cronoloxía da literatura galega xunto coa portuguesa,catalá, española e universal. Foron moitos anos e moitas horas as que lle dediquei, por interese meu, sen unha finalidade determinada, pero o interese amosado por moita xente que coñece o traballofixo que intentase dálo a coñecer.


O que ían ser uns breves apuntamentos para o meu uso persoal (Estudei Filoloxía Románica en Barcelona) pouco a pouco foron ampliándose coma unha especie de base de datos cronolóxicos das literaturas románicas peninsulares e tamén da literatura universal, incluíndo no referente a Galicia a “Gran Enciclopedia Galega”, “A Nosa Terra”, “Grial”, “Nós”, “O Tío Marcos”, “A Monteira”, “Os Dicionarios de Autores e de Publicacións Periódicas de Galaxia”, o “Diccionario de Escritores en Lingua Galega” de Fernández del Riego, a prensa galega en Cuba, “Céltiga” e “Lar”…


Intento relacionar as literaturas ibéricas: as amizades catalanas de Álvaro Cunqueiro: Jordi Domènech, Francesc Parcerisas, Joan Perucho…Traducións de poemas ao galego dende o catalán por Cunqueiro (Marta Pessarrodona, Tomás Garcés…) Carles Riba e Galicia. Correspondencia de Tomàs Garcés con Alonso Montero. Artigos de Rodrigues Lapa sobre o galego; poemas de Josep Maria Llompart de la Peña que teñen relación con Galicia. Referencias de Josep Plá a Cunqueiro; traducións de Leiras Pulpeiro dende o catalán (Miguel Costa i Llobera). Poemas de Carvallo Calero, Guerra da Cal… en revistas portuguesas. Revistas catalanas como “Camp de l’arpa” que fan referencia á literatura galega. Traducións de poemas de Joan Maragall ao galego. Correspondencia de Unamuno con Teixeira de Pascoaes e Manuel Laranjeira. Manifestacións de Ernesto Sábato, García Márquez, Eduardo Galeano… sobre o galego e Galicia.


Así mesmo recóllese a correspondencia coa Galicia da diáspora cando nela se fai referencia á nosa cultura: Luis Seoane con Díaz Pardo e Francisco F. del Riego, de Neira Vilas con Ben-Cho- Shey, con Antón Beiras, Ramón Piñeiro, con Martínez Risco, con Leandro Carré, con Celso Emilio, con Manuel María, con Salvador Espriu, con Valentín Paz Andrade, con Avilés de Taramancos, con Xavier Alcalá…; de Basilio Losada con Ramón Piñeiro, con Méndez Ferrín, con Celso Emilio, con Alonso Montero…; de Álvarez Blázquez con Blanco Amor... Figuran tamén datos históricos, recensións bibliográficas (Grial), cinema etc. Todo en cronoloxía coas outras literaturas e procurando relacionalas…Pensei en varias datas de comezo e de remate do traballo. Uns días antes de morrer falara con Neira Vilas da posibilidade de elixir entre 1863 (Cantares Gallegos de Rosalía) e Memorias dun neno labrego (1961). Finalmente comeza no 1851, ano de nacemento de Curros Enríquez e remata no 2004, data do falecemento de Manuel María e Luisa Villalta.


Este traballo non foi feito con idea de publicar, só por interese persoal. O empeño dalgúns amigos que o coñecían levoume a facelo público. Ofrecinllo de balde a diferentes organismos e asociacións. Algúns non puxeron interese, outros quedaron en chamarme e outros nin sequera me recibiron. Por iso inmenso agradecemento a Basilio Losada polas súas fermosas verbas, e a Helena Losada, ambos os dous profesores meus en Barcelona. Nos meus anos na Cidade Condal, Basilio era a xanela dos galegos dende a que se podía albiscar a Nosa Terra.


Cando era neno tiven a sorte de que meu avó me contaba historias que logo apareceron recolleitas no libro que prologou Carballo Calero no 1963 Contos populares da provincia de Lugo, entregados por meu pai. El foi quen un día me dixo unha frase que me ficou para sempre gravada, o día que ía a Lugo a facer o exame de ingreso no Instituto: “Se che toca o profesor Alonso Montero podes falarlle en galego”. Que pasaba con esta lingua que non se podía falar con todas as persoas e en calquera situación?.


O traballo ficaría nunha gabeta se non fose polo afán, traballo e colaboración dalgúns amigos como Luís Losada e Xavier Prado, que correron co traballo informático. Teño que lembrar tamén a Suso Otero e a Fran Pérez “Narf”, que de non marcharen tan cedo participarían tamén dalgún xeito na elaboración do traballo.


Na súa elaboración, son moitas as dúbidas que xorden segundo as fontes consultadas. Algunhas resolvinas, outras seguro que non e algúns erros tamén cometería. Hai que ter en conta ademais que cando comecei co traballo non existía internet e non había a capacidade de consulta que agora hai.


Todo era a base de libros. Porén, agardo que sexa de utilidade para quen o necesite. Calquera pode engadir ou corrixir información. En fin espero que polo menos axude a reforzar o coñecemento e intercambio de ideas e influencias entre os distintos pobos e culturas que configuran a Península Ibérica. E se este diálogo se proxecta máis alá dos Pirineos e do Atlántico moito mellor.