Repositorio web
Repositorio web
Revistas / Publicacións
“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sae oxe Nós” O 30 de outubro de 1920 Galicia foi testemuño do nacemento dunha nova revista que saíu do prelo co significativo título de Nós: boletín mensual da cultura galega. Pero non foi unha publicación máis, Nós converteuse nun dos referentes da cultura galega do século XX, de tal xeito que resulta imposible imaxinar a Galicia de hoxe sen a súa contribución.
A REVISTA GRIAL NA REDE Pomos a disposición dos interesados da nosa cultura, en formato PDF os 156 primeiros números da revista Grial, correspondendo os 100 primeiros á etapa en que a codirixiron Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (1963-1988), e os 56 restantes á etapa dirixida por Carlos Casares (1989-2002). Nos próximos meses achegaremos a xeira en que Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo (2002-2019) levaron o temón. A publicación na nosa web coincide co 70 aniversario da fundación de Editorial Galaxia (1950) e, en realidade, da propia revista, pois, xa no ano 1951, unha das primeiras preocupacións dos fundadores da editora foi publicar unha revista que consideraban un instrumento imprescindible para os obxectivos do seu proxecto político e cultural. Como naquela altura o réxime non autorizaba a publicación de novas revistas, e moito menos en galego, optaron por darlle carácter de cadernos monográficos, que se publicarían con regularidade trimestral, intentando así solucionar os impedimentos administrativos. Naceu así a Colección Grial, da que só se puideron publicar catro volumes entre 1951 e 1952, o tempo que precisou a censura franquista para fanar o proxecto. Houbo que esperar ata 1963, cando ao abeiro dunha nova Lei de prensa, o réxime abriu a man para a publicación de novas cabeceiras, para que se autorizase Grial. Revista Galega de Cultura. O Grial converteuse, dende aquela, por máis de de 57 anos de ininterrompida publicación, nun instrumento imprescindible da nosa cultura, con presenza non só no mundo cultural galego, pois durante estas décadas a revista chegou a un importante número de universidades europeas e americanas. Grial tivo, desde o seu inicio, cinco grandes obxectivos, aínda vixentes nos nosos días: 1. Ser vehículo responsable da actividade cultural galega. 2. Ser vehículo de incorporación a Galicia da cultura universal, en especial a europea. 3. Facer presente fóra de Galicia a cultura galega. 4. Contribuír ao prestixio cultural da lingua galega, tanto dentro como fóra de Galicia. 5. Incorporar a mocidade á defensa da cultura galega. 2 Grial é o fío que nos vencella coas institucións que nos precederon na defensa de Galicia, como o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e a xeración Nós, da que Galaxia se sente continuadora. Grial é unha obra construída, de xeito desinteresado, por varias xeracións, entregadas con ilusión e esperanza á reconstrución da nosa cultura. A Xosé Manuel Soutullo, que durante máis de 30 anos foi o seu secretario de redacción, debemos o coidado desta edición electrónica e do índice de colaboradores que tamén se ofrece, a quen agradecemos o seu bo facer e á súa entrega altruísta á idea de construción cultural que supón Grial. Revista Galega de Cultura. ANTÓN VIDAL ANDIÓN Presidente de Editorial Galaxia Vigo, xaneiro de 2021
Arquivos
Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia é a plataforma de xestión dos centros integrados no Sistema de Arquivos de Galicia que proporciona datos recolectables a Galiciana. Patrimonio Dixital de Galicia e, a través dela, aos principais servizos de agregación e recolección nacionais e internacionais como Hispana, Europeana ou OAIster. Permite a consulta a través dun punto único tanto de documentos que teñan obxectos dixitais asociados como aqueloutros non dixitalizados de arquivos como o Arquivo de Galicia, os arquivos históricos xestionados pola Xunta de Galicia (Arquivo do Reino de Galicia, e Arquivos Históricos Provinciais de Lugo e Ourense), os de administracións locais, de centros docentes (universidades e centros de ensino medio fundamentalmente), de institucións e organismos cultural e sindical de interese para Galicia (Arquivo da Real Academia Galega, Arquivo da Fundación Penzol e da Fundación Luís Tilve) e de institución eclesiásticas. Está xestionada pola Subdirección Xeral de Arquivos e Museos da Dirección Xeral de Políticas Culturais.
Repositorio dixital do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego. Contén rexistros sonoros e audiovisuais procedentes das coleccións de patrimonio inmaterial do Museo.
Fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e doutras institucións da Provincia.
Bibliotecas
Naceu como institución no ano 1989, coa promulgación da Lei de bibliotecas, que contempla a súa posta en marcha baixo a denominación de Centro Superior Bibliográfico de Galicia e sinala o seu papel como cabeceira do sistema bibliotecario e como conservadora e difusora do patrimonio bibliográfico de Galicia. A Biblioteca de Galicia configúrase como un centro moderno, xestor, difusor e conservador tanto de materiais tradicionais impresos, como de novos soportes a través de consultas e servizos realizados in-situ, na súa localización da Cidade da Cultura, como realizados en liña ou a través de consultas á súa ampla e pioneira biblioteca dixital.
Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e xestionada pola Biblioteca de Galicia. O proxecto ten como obxectivo a dixitalización dos fondos bibliográficos máis relevantes para Galicia. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día (Hispana e Europena). Galiciana integra actualmente, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Seminario de Mondoñedo ou a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
A Biblioteca Virtual de Prensa Histórica, xestionada pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Deporte, é unha hemeroteca dixital na que se ofrece aos cidadáns un extenso, variado e crecente repertorio de prensa histórica e revistas culturais en linguas españolas. Esta hemeroteca, tanto polo seu volume como pola calidade dos seus fondos, constitúe un dos principais proxectos de dixitalización de prensa que se realizaron en España e ten, no ámbito internacional, un peso considerable. A organización dos seus contidos, así como as súas funcións avanzadas de busca no texto das publicacións, convértena nunha inestimable ferramenta para a investigación histórica, sociolóxica, cultural ou xenealóxica. O proxecto é o resultado da cooperación do Ministerio de Cultura e Deporte coas comunidades autónomas e outras institucións, como concellos, ateneos, fundacións, universidades e institucións privadas, que conservan coleccións de prensa histórica e as ceden para a súa dixitalización.
O noso proxecto é de todas aquelas persoas e entidades que se interesan polas artes, as letras e a cultura galegas, porque acreditamos no traballo colectivo. Sempre haberá unha maneira de nos axudar.
Exposicións
Galicia, de Nós a nós reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós.
As miradas de Isaac é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012) e faise facéndoa coincidir co centenario do nacemento (22 de agosto de 1920) co obxecto de situar como merece na historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside