Portada
|
O proxecto
O que ían ser uns breves apuntamentos para o meu uso persoal (Estudei Filoloxía Románica en Barcelona) pouco a pouco foron ampliándose coma unha especie de base de datos cronolóxicos das literaturas románicas peninsulares e tamén da literatura universal, incluíndo no referente a Galicia a “Gran Enciclopedia Galega”, “A Nosa Terra”, “Grial”, “Nós”, “O Tío Marcos”, “A Monteira”, “Os Dicionarios de Autores e de Publicacións Periódicas de Galaxia”, o “Diccionario de Escritores en Lingua Galega” de Fernández del Riego, a prensa galega en Cuba, “Céltiga” e “Lar”… Intento relacionar as literaturas ibéricas: as amizades catalanas de Álvaro Cunqueiro: Jordi Domènech, Francesc Parcerisas, Joan Perucho…Traducións de poemas ao galego dende o catalán por Cunqueiro (Marta Pessarrodona, Tomás Garcés…) Carles Riba e Galicia. Correspondencia de Tomàs Garcés con Alonso Montero. Artigos de Rodrigues Lapa sobre o galego; poemas de Josep Maria Llompart de la Peña que teñen relación con Galicia. Referencias de Josep Plá a Cunqueiro; traducións de Leiras Pulpeiro dende o catalán (Miguel Costa i Llobera). Poemas de Carvallo Calero, Guerra da Cal… en revistas portuguesas. Revistas catalanas como “Camp de l’arpa” que fan referencia á literatura galega. Traducións de poemas de Joan Maragall ao galego. Correspondencia de Unamuno con Teixeira de Pascoaes e Manuel Laranjeira. Manifestacións de Ernesto Sábato, García Márquez, Eduardo Galeano… sobre o galego e Galicia. Así mesmo recóllese a correspondencia coa Galicia da diáspora cando nela se fai referencia á nosa cultura: Luis Seoane con Díaz Pardo e Francisco F. del Riego, de Neira Vilas con Ben-Cho- Shey, con Antón Beiras, Ramón Piñeiro, con Martínez Risco, con Leandro Carré, con Celso Emilio, con Manuel María, con Salvador Espriu, con Valentín Paz Andrade, con Avilés de Taramancos, con Xavier Alcalá…; de Basilio Losada con Ramón Piñeiro, con Méndez Ferrín, con Celso Emilio, con Alonso Montero…; de Álvarez Blázquez con Blanco Amor... Ler máis
|
Basilio Losada
Aos 90 anos ver esa inmensa cantidade de datos en relación uns cos outros, como un tecido formado por tantas vidas dedicadas ao estudo e á creación, é unha marabilla para os que vimos perdendo a memoria. Xulio Simón fixo un traballo que cubre moitos dos anos da miña vida que eu perdera neste longo camiño. Nestas follas lembrei nomes de amigos perdidos, cáseque todos; para min é reconstruír datos, xeitos, memorias. Interésame especialmente o que recolleu neste traballo memorable e por tal dedicado á memoria. A miña gratitude. Un aspecto fundamental deste traballo: a relación entre a cultura catalá e a cultura galega, tan necesaria sempre, tan necesitada de un entendemento común e dun traballo e un esforzo tamén común. Repaso nomes que contribuíron á miña formación e tamén aspectos e campos polos que eu fixen o que puiden. Que non cheguemos a sentir a literatura catalá ou vasca ou de Castela e o resto das Españas como algo alleo a nós, que poidamos así, sobre a lembranza, restaurar o que a memoria xa non salvaba dun esforzo común. Resumindo, a miña inmensa gratitude para quen puxo tantos anos de esforzo, tanta paciencia e ansias de coñecemento neste proxecto que se ofrece como un servizo para soster a memoria da comunidade e tamén para abrir portas á curiosidade cara outras culturas que nos acompañan e nos enriquecen. Basilio Losada Barcelona, 20 de novembro de 2019 |